Asistencia técnica
- Documentación
- Problemas coñecidos
- Wiki
- Listas de correo
- Grupos de novas de Usenet
- Sitios web
- Contacto cos mantedores de paquetes
- O sistema de seguimento de fallos
- Asesores técnicos
- Axuda en tempo real usando o IRC
- Outros recursos para asistencia
Documentación
Antes de buscar a axuda de alguén, soe ser bo tratar de buscar a resposta ao problema por un mesmo. Desa maneira moitas veces conseguiranse as respostas precisas, e aínda que non se consigan, a experiencia de ler a documentación seguramente sexa moi útil nun futuro.
Hai unha gran cantidade de documentación dispoñíbel en Debian — consulte a páxina web de documentación de Debian.
Problemas coñecidos
As limitacións e problemas graves da distribución estábel actual (de habelos) están descritos nas páxinas da versión.
Preste especial atención ás notas da versión e á fe de erratas.
Wiki
Na Wiki de Debian poden atoparse solucións a problemas comúns, receitas, guías, consellos e outra documentación. Como todas as wikis, esta wiki está cambiando constantemente e agradecerá as súas edicións.
Listas de correo
Debian desenvólvese de forma distribuída en todo o mundo. Por iso, o correo electrónico é o medio preferido para discutir os diversos asuntos. Moitas das conversacións entre desenvolvedores de Debian e usuarios manéxase a través das listas de correo.
Hai varias listas públicas dispoñíbeis. Para obter máis información consulte a páxina das listas de correo de Debian.
Actualmente non existe unha lista para asistencia a usuarios en galego, pero pode contactar coa lista en español (debian-user-spanish) ou en inglés (debian-user).
Para obter asistencia en outros idiomas comprobe o índice de listas de correo para usuarios.
Por suposto tamén hai moitas outras listas de correo dedicadas a algúns aspectos do vasto ecosistema de Linux, que non son específicos de Debian. Use o seu motor de buscas favorito para atopar a lista que mellor se adapte ao seu propósito.
Grupos de novas de Usenet
Moitas das nosas listas de correo poden ser navegadas como grupos de novas na xerarquía linux.debian.* Isto tamén se pode facer usando interfaces web como Google Groups ou Gmane.
Tamén hai un par de grupos de novas dispoñíbeis relacionados con GNU/Linux. A pesar de non seren específicos de Debian, poden ofrecer moita información aos usuarios.
- comp.os.linux.answers (moderado)
- Publicacións periódicas (FAQs, receitas ,..). Un bo lugar para comezar!
- comp.os.linux.hardware
- Discusións relacionadas co hardware
- comp.os.linux.m68k
- Sobre Linux executado no procesador 680x0.
- comp.os.linux.setup
- Instalación e configuración de sistemas Linux
- comp.os.linux.networking
- Temas relacionados coas redes.
- comp.os.linux.x
- Uso do sistema de xanelas X en computadoras con Linux
- comp.os.linux.misc
- Temas variados. Un grupo que da cabida a todo.
Consulte este índice para ter unha lista máis detallada de grupos de novas relacionados.
Sitios web
Foros
debianHELP e os foros de usuarios de Debian son portais web nos que pode discutir temas relacionados con Debian, enviar preguntas sobre Debian e obter respostas de outros usuarios.
Preguntas e respostas
ask.debian.net é un sistema de asistencia de preguntas e respostas baseado na web, onde pode enviar preguntas que serán respondidas por outros membros. Prové un sistema de reputación baseado en votos que permite ter unha clasificación do contido fornecido polos usuarios.
Outros recursos na web
Debian-Administration.org ofrece consellos e recursos para os administradores de sistemas Debian.
Ligazóns útiles sobre Unix:
Contacto cos mantedores de paquetes
Hai dúas formas de pórse en contacto cos mantedores de paquetes. Se precisa contactar debido a un fallo, simplemente envíe un informe de fallo (consulte a sección do sistema de seguimento de fallos a continuación). O mantedor recibirá unha copia do informe de fallo.
Se simplemente quere comunicarse co mantedor, pode usar o enderezo de correo especial configurado para cada paquete. Calquera correo enviado a <nome do paquete>@packages.debian.org será reenviado ao mantedor responsable dese paquete.
O sistema de seguimento de fallos
A distribución Debian ten un sistema de seguimento de fallos que detalla os fallos enviados por usuarios e desenvolvedores. A cada fallo asígnaselle un número, e mantense á vista ata que é marcado como resolto.
Para enviar un informe de fallo, pode usar unha das páxinas de fallos
listadas embaixo, ou pode usar o paquete de Debian reportbug
para enviar
automaticamente un informe de fallo.
Pode atopar información sobre o envío de informes de fallo, ver os fallos activos actualmente e información sobre o sistema de seguimento de fallos en xeral nas páxinas web do sistema de seguimento de fallos.
Asesores técnicos
Debian é software libre e ofrece axuda gratuíta a través das listas de correo. Pero hai quen non ten tempo, ou ten necesidades especializadas, e busca contratar a alguén para manter ou engadir funcionalidades ao seu sistema Debian. Consulte a páxina de consultores para ter unha lista de persoas e empresas.
Axuda en tempo real usando o IRC
IRC (Internet Relay Chat) é unha forma de conversar con xente de todo o mundo en tempo real. Poden atoparse canais dedicados a Debian en OFTC.
Para conectar, precisará un cliente IRC. Algúns dos clientes máis populares son: XChat, ircII, irssi, epic5 e KVIrc, todos eles están empaquetados para Debian. Unha vez que teña o cliente instalado terá que dicirlle que se conecte ao servidor. Na maioría dos clientes poderá facelo escribindo:
/server irc.debian.org
Unha vez conectado únase ao canal #debian tecleando
/join #debian
Nota: certos clientes como XChat soen ter unha interface gráfica diferente para conectarse a servidores ou canais.
En este punto atoparase entre a amigable multitude de habitantes de
#debian. Pode realizar as súas preguntas sobre Debian aquí. Atopará
preguntas frecuentes sobre o canal en
http://wiki.debian.org/DebianIRC.
Tamén hai moitas outras redes IRC onde pode charlar sobre Debian. Unha das máis destacadas é a rede IRC freenode en chat.freenode.net.
Outros recursos para asistencia
Consulte as ligazóns relacionadas.
