Re: Coordinación para traducir as descricións dos paquetes
Ola de novo,
espero que non se vos pasen as ganas de traducir por culpa da espera. Inda non
teño preparados os .po para traballar, pero esta fin de semana estiven
traballando no tema e teño avances.
Polo de agora xa conseguín un ficheiro .po que utilizaremos como ficheiro
mestre, onde están todas as cadeas que se van usar. Xa importei cas cadeas
traducidas en ubuntu, co cal xa vai un traballo feito. Podedes atopar este
ficheiro aquí:
http://www.findomundo.es/debian/
Neste ficheiro puxéronse como cadeas separadas cada un dos parágrafos das
descricións. Como comentario de cada cadea está o nome do paquete ó que
pertence e o número de parágrafo dentro desa descrición. Hai moitas cadeas que
se repetían nas descricións de cada paquete, así que nos comentarios dalgunhas
cadeas poderedes atopar unha lista de paquetes. Se queredes ver máis
información sobre o paquete, ou ver a descrición completa no seu contexto,
podedes ir á páxina:
http://packages.debian.org/sid/nome-do-paquete
Algunhas das traducións están marcadas como incompletas. Isto pode ser por
dúas razóns: a descrición orixinal cambiou desde que se fixo a tradución, ou
porque existían varias traducións diferentes para unha mesma cadea fonte.
Neste último caso quedaron na tradución todas as versións atopadas.
Podedes baixalo e botarlle un ollo, pero como xa comentáramos non é práctico
traballar con el directamente. Teño que partilo en anacos manexables, pero
quería facelo seguindo algún criterio de prioridade, e para iso teño que
incorporarlle datos sobre a sección á que pertence ou a súa puntuación
«popcon».
Como excepción doulle permiso a Xosé, autor da maioría das traducións xa
realizadas en ubuntu, para revisar se quere as traducións xa feitas. Ós demáis
espero poder darvos material para traballar pronto. Posiblemente esta fin de
semana, se saco algo de tempo, poida ter os .po definitivos.
Saúdos!
Reply to: