Aviso! Esta tradución está moi desfasada, consulte o orixinal.

Sobre Debian

Que é Debian?

O proxecto Debian é unha asociación de persoas que xuntaron as súas forzas para crear un sistema operativo libre. O sistema operativo que creamos chámase Debian.

Un sistema operativo é o conxunto de aplicativos e utensilios básicos que fan que a súa computadora funcione. No centro dun sistema operativo está o núcleo. O núcleo é o aplicativo máis básico dunha computadora, realiza todas as tarefas de xestión interna e permítelle iniciar outros aplicativos.

O sistema Debian usa actualmente o núcleo Linux ou o núcleo FreeBSD. Linux é unha peza de software comezada por Linus Torvalds e asistida por miles de programadores de todo o mundo. FreeBSD é un sistema operativo que inclúe un núcleo e outro software.

Ademais, estase traballando para fornecer Debian con outros núcleos, principalmente para o Hurd. O Hurd é unha colección de servidores que se executan sobre un micronúcleo (como Match) para implementar diferentes funcionalidades. O Hurd é software libre producido polo proxecto GNU.

Unha boa parte das ferramentas básicas que completan o sistema operativo veñen do proxecto GNU, e de aí os nomes: GNU/Linux, GNU/kFreeBSD e GNU/Hurd. Estas ferramentas tamén son libres.

Por suposto, o que quere a xente son aplicativos: software para axudalos a facer o que eles queren, desde editar documentos a levar un negocio, xogar ou escribir máis software. Debian vén con máis de 59000 paquetes (software precompilado empaquetado en un formato axeitado para unha instalación sinxela na súa máquina) — todo el libre.

É un pouco como unha torre. Na base está o núcleo. Enriba del están as ferramentas básicas. Despois está todo o software que executa na súa computadora. E enriba de todo da torre está Debian — organizando coidadosamente e encaixando todo para que funcione en conxunto.

É todo gratis?

Pode que te esteas preguntando: porqué ía alguén a gastar horas do seu propio tempo en escribir software, empaquetalo coidadosamente e despois regalalo todo? As respostas son tan variadas como a xente que contribúe. A algúns gústalles axudar aos demais. Moitos escriben aplicativos para aprender máis sobre as computadoras. Cada vez máis xente busca maneiras de evitar os prezos inflados do software. Unha multitude crecente contribúe como forma de dar grazas por todo o magnífico software que obtiveron de outros. Moitos, en ambientes académicos, crean software libre para axudar a que os resultados das súas investigacións se volvan amplamente usados. Algunhas empresas axudan a manter software libre de forma que poidan ter algo que dicir no seu desenvolvemento; non hai forma máis rápida de obter unha nova característica que implementándoa un mesmo! E por suposto, moitos de nós simplemente o atopamos moi divertido.

Debian está tan dedicado ao software libre, que pensamos que sería útil se esa dedicación se formalizara nun documento escrito. Así naceu o noso contrato social.

Aínda que Debian cre no software libre, hai casos en que a xente quere ou precisa usar software non libre na súa máquina. Sempre que sexa posíbel Debian permitirá isto. De feito, existe un crecente número de paquetes cuxo único obxectivo é instalar software non libre en un sistema Debian.

Dicides que é gratis, pero os CDs e o ancho de banda custan cartos!

Pode que te preguntes: Se o software é gratis, porqué teño que pagar a un vendedor por un CD ou a un ISP para descargalo?

Cando mercas un CD, estás pagando polo tempo de alguén e pola inversión de capital para facer os discos, e polo risco (en caso de que non os venda todos). En outras palabras, estás pagando por un medio físico usado para enviar o software, non polo software en si.

Cando usamos a palabra «libre», referímonos á liberdade do software, non a que non leve custos. Pode ler máis sobre o que nós interpretamos como «software libre» e o que a Free Software Foundation di ao respecto.

A maioría do software custa máis de 100€. Como podedes regalalo?

Unha pregunta mellor é como conseguen as empresas pedir tanto? O software non é como facer un coche. Unha vez que fixeches unha copia do teu software, os custos de produción para facer un millón máis de copias son minúsculos (hai boas razóns polas que Microsoft ten tantos millóns no banco).

Podes velo doutra maneira: se ti tiveras unha fonte inesgotábel de area no patio de atrás, poderías querer regalar area. Sería tonto, de todas formas, pagar un camión para levala onda os outros. Farías vir collela eles mesmos (o equivalente a descargalo da rede) ou poderían pagar a alguén para que lla leve á súa porta (o equivalente a comprar un CD). Así é exactamente como opera Debian e porqué a maioría dos CDs e DVDs son tan baratos (só uns 12 USD por 4 DVDs).

Debian non gaña cartos pola venta de CDs. Ó mesmo tempo, precisa cartos para pagar gastos como o rexistro do dominio ou o hardware. Por iso pedimos que compre a un dos distribuidores de CDs que doan unha parte da súa compra a Debian.

Que hardware se pode usar?

Debian funcionará en case todas as computadoras persoais, incluíndo os modelos máis antigos. Cada nova versión de Debian xeralmente permite usar un maior número de arquitecturas de computadoras. Para ter unha lista completa das admitidas actualmente consulte a documentación da versión estábel.

Pódese usar case todo o hardware común. Se quere asegurarse de que todos os dispositivos conectados á súa máquina se poden usar, consulte a receita de compatibilidade hardware con Linux.

Hai algunhas empresas que fan que sexa complicado permitir usar o seu hardware porque non publican as especificacións para o mesmo. Isto significa que ao mellor non podes usar o seu hardware con GNU/Linux. Algunhas empresas ofrecen controladores non libres, pero iso é un problema porque a empresa podería pechar, ou deixar de ofrecer asistencia para o hardware que ti tes. Recomendamos que só compre hardware de fabricantes que proporcionen controladores libres para os seus produtos.

Busco máis información.

Pode que queiras consultar as nosas preguntas frecuentes.

Aínda non me convence.

Non ten porqué crer na nosa palabra: probe Debian vostede mesmo. Xa que o espazo en disco é agora moito máis barato, seguramente poida dedicar uns 2 GB. Se non quere ou non precisa un escritorio gráfico, con 600MB serán suficientes. Debian pódese instalar facilmente en este espazo extra e pode coexistir co seu sistema operativo actual. Se en calquera momento precisa máis espazo, pode simplemente borrar un dos seus sistemas operativos (e despois de que vexa o poder dun sistema Debian, confiamos en que non borrará Debian).

Xa que probar un novo sistema operativo lle consumirá algo do seu valioso tempo, enténdese que teña reservas. Por esta razón compilamos unha lista de pros e contras de Debian. Isto debería axudarlle a decidir se lle vale a pena. Esperamos que aprecie a nosa honestidade e franqueza.

Como obteño Debian?

O máis común é instalar Debian dun CD que pode mercar polo prezo do soporte físico a un dos nosos moitos distribuidores de CDs. Se ten un bo acceso a internet, pode descargar e instalar Debian da rede.

Consulte a nosa páxina sobre obter Debian se quere máis información.

Se aínda non o fixo, pode querer primeiro consultar a receita de compatibilidade hardware con Linux.

Non esqueza botar unha ollada aos paquetes que ofrecemos (esperamos que non lle intimide o vertixinoso número).

Non podo configuralo por min mesmo. Como podo obter asistencia para Debian?

Pode obter axuda lendo a documentación que está dispoñíbel tanto no sitio web como en paquetes que pode instalar no seu sistema. Tamén pode contactar connosco usando as listas de correo ou o IRC. Incluso pode contratar a un asistente técnico para facer o traballo.

Consulte as nosas páxinas de documentación e asistencia para obter máis información.

E quen sodes todos vós?

Debian é producido por case un millar de desenvolvedores activos espallados por todo o mundo que traballan voluntariamente no seu tempo libre. Poucos dos desenvolvedores se coñeceron realmente en persoa. As comunicacións realízanse sobre todo por correo electrónico (listas de correo en «lists.debian.org») e no IRC (no canal #debian en «irc.debian.org»).

O proxecto Debian ten unha estrutura coidadosamente organizada. Se quere máis información sobre como é Debian por dentro, síntase libre de navegar polo recuncho dos desenvolvedores.

Quen usa Debian?

Aínda que non hai estatísticas precisas dispoñíbeis (xa que Debian non esixe aos usuarios que se rexistren), hai fortes evidencias de que Debian se usa en un amplo rango de organizacións, grandes e pequenas, así como por miles de persoas. Consulte a páxina Quen usa Debian? para ter unha lista de organizacións de alto perfil que enviaron descricións curtas de como e porqué usan Debian.

Como comezou todo?

Debian foi comezado en agosto de 1993 por Ian Murdock, como unha nova distribución que se desenvolvería de forma aberta, co mesmo espírito de Linux e GNU. Debian pretendía ser coidadosa e concienciudamente ensamblada, e ser mantida co mesmo coidado. Comezou como un pequeno e moi unido grupo de hackers de software libre, e creceu gradualmente ata converterse nunha grande e ben organizada comunidade de desenvolvedores e usuarios. Consulte a historia en detalle.

Xa que moitos preguntaron, Debian pronúnciase /ˈde.bi.ən/. Vén dos nomes do creador de Debian, Ian Murdock, e da súa muller, Debra.