Capítulo 2. Novidades en Debian 12

Índice

2.1. Arquitecturas compatibles
2.2. Áreas do arquivo
2.3. Que novidades hai na distribución?
2.3.1. Ambientes de escritorios e paquetes famosos
2.3.2. Traducíronse máis páxinas do manual
2.3.3. Novas da Mestura Debian Med
2.3.4. Novas da Mestura Debian Astro
2.3.5. Arranque Seguro en ARM64

A Wiki ten máis información sobre este tema.

2.1. Arquitecturas compatibles

As seguintes arquitecturas teñen compatibilidade oficial para Debian 12:

  • Ordenadores de 32 (i386) e 64 bits (amd64)

  • ARM de 64 bits (arm64)

  • ARM con Interface Binaria Incrustada [EABI] (armel)

  • ARMv7 (ABI de Interface binaria incrustada [EABI] con unidade de coma flotante en hardware [hard-float], armhf)

  • MIPS de extremidade menor (mipsel)

  • MIPS de 64 bits con extremidade menor (mips64el)

  • PowerPC de 64 bits con extremidade menor (ppc64el)

  • IBM System z (s390x)

Pode obter máis información sobre o estado da adaptación e información específica a cada adaptación nas páxinas sobre as arquitecturas de Debian.

2.2. Áreas do arquivo

As seguintes áreas do arquivo, mencionadas no Contrato Social e na Política de Debian, son bastante antigas:

  • main: a distribución de Debian;

  • contrib: paquetes extra preparados para que funcionen co resto da distribución de Debian, pero que precisan de programas de fora da distribución para funcionar ou compilar;

  • non-free: paquetes extra pensados para que funcionen co resto da distribución de Debian, pero que non son compatibles coas DFSG ou teñen algún outro problema que dificulta a súa distribución.

Tras aprobarse a Resolución Xeral de 2022 sobre «firmware» non libre o punto 5 do Contrato Social foi modificado, engadíndoselle o seguinte texto:

Os discos oficiais de Debian poderán incluír «firmware» de fora do sistema Debian para permitir o uso de Debian cos dispositivos que así o precisen.

Isto inda non aparece no Contrato Social nin na Política de Debian, pero engadiuse unha nova área do arquivo. Isto permite separar o «firmware» non libre do resto de paquetes non libres:

  • non-free-firmware

A maioría dos paquetes con «firmware» non libre xa foron trasladados de non-free a non-free-firmware, en preparación do lanzamento de Debian 12. Esta separación permite crear imaxes de instalación oficiais con paquetes de main e non-free-firmware, sen ter que activar contrib nin non-free. Isto tamén permite instalar sistemas con estas imaxes, e solo activar main e non-free-firmware, sen contrib nin non-free.

Consulte Sección 4.2.8, « Os compoñentes non-free e non-free-firmware » para máis información sobre actualizacións dende bullseye.

2.3. Que novidades hai na distribución?

Esta nova versión de Debian volve a ter moitos máis programas ca en bullseye; a distribución inclúe máis de 11089 paquetes novos, chegando a un total de 64419 paquetes. A maioría dos programas na distribución están actualizados: máis de 43254 paquetes, o 67% dos paquetes de bullseye. Ademais, un gran número de paquetes (máis de 6296 paquetes, 10% dos paquetes en bullseye) foron eliminados da distribución por cadansúa razón. Estes paquetes non terán máis actualizacións e serán marcados coma «obsoletos» nos clientes de xestión de paquetes. Véxase Sección 4.8, « Paquetes obsoletos ».

2.3.1. Ambientes de escritorios e paquetes famosos

Debian volve a ofrecer varios ambientes e aplicacións de escritorio. Inclúense o ambiente de escritorio GNOME 43, KDE Plasma 5.27, LXDE 11, LXQt 1.2.0, MATE 1.26 e Xfce 4.18; entre outros.

As aplicacións de produtividade tamén foron actualizadas, xunto cos programas de ofimática:

  • LibreOffice foi actualizado á versión 7.4;

  • GNUcash foi actualizado á versión 4.13;

Esta actualización inclúe as actualizacións dos seguintes programas, entre outros:

PaqueteVersión en 11 (bullseye)Versión en 12 (bookworm)
Apache2.4.542.4.57
Bash5.15.2.15
Servidor DNS BIND9.169.18
Cryptsetup2.32.6
Emacs27.128.2
Servidor de correo por omisión Exim4.944.96
A Colección de Compiladores GNU como compilador por omisión10.212.2
GIMP2.10.222.10.34
GnuPG2.2.272.2.40
Inkscape1.0.21.2.2
a biblioteca C GNU2.312.36
Imaxe do núcleo Linuxseries 5.10series 6.1
Conxunto de ferramentas LLVM/Clang9.0.1 e 11.0.1 (por omisión) e 13.0.113.0.1 e 14.0 (por omisión) e 15.0.6
MariaDB10.510.11
Nginx1.181.22
OpenJDK1117
OpenLDAP2.4.572.5.13
OpenSSH8.4p19.2p1
OpenSSL1.1.1n3.0.8
Perl5.325.36
PHP7.48.2
Servidor de correo Postfix3.53.7
PostgreSQL1315
Python 33.9.23.11.2
Rustc1.481.63
Samba4.134.17
Systemd247252
Vim8.29.0

2.3.2. Traducíronse máis páxinas do manual

Grazas ao traballo dos tradutores a documentación en formato man está dispoñible en máis idiomas ca nunca. A modo de exemplo, moitas páxinas do manual xa están dispoñibles en checo, danés, grego, finlandés, indonesio, macedonio, noruegués (bokmål), ruso, serbio, sueco, ucraíno e vietnamita, e todas as páxinas do manual de systemd xa están dispoñibles en alemán.

Para que man amose a documentación no seu idioma (se existe) instale o paquete manpages-cód. idioma axeitado e configure a localización con

dpkg-reconfigure locales

.

2.3.3. Novas da Mestura Debian Med

Engadíronse novos paquetes no campo da medicina e das ciencias da saúde, como adoita ocorrer nas novas versións. O paquete shiny-server merece unha mención especial, por que permite simplificar aplicacións web científicas usando R. Tamén mantemos o sistema de Integración Continua para os paquetes mantidos polo equipo de Debian Med.

O equipo de Debian Med está encantado de escoitar as opinións dos usuarios, especialmente no sentido de peticións de empaquetado de programas libres que non foran xa empaquetados, ou tamén peticións para copiar melloras de novos paquetes ou versións máis novas dos mesmos.

Para instalar os paquetes mantidos polo equipo Debian Med instale os metapaquetes chamados med-*, na versión 3.8.x en Debian bullseye. Bótelle unha ollada as tarefas de Debian Med para ver un listado completo dos programas de temática médica e biolóxica dispoñibles en Debian.

2.3.4. Novas da Mestura Debian Astro

Debian bookworm inclúe a versión 4.0 da Mestura Pura Debian Astro, que segue sendo unha gran ferramenta todo en un para astrónomos profesionais, aficionados e calquera que estea interesado na astronomía. Actualizáronse case todos os paquetes de Debian Astro, pero tamén hai algúns paquetes novos.

Para os radioastrónomos agora se inclúe o interferómetro libre openvlbi. Tamén se inclúen os novos paquetes para xuntar imaxes e resolución astronómica astap e planetary-system-stacker. Inclúense ademais moitos controladores e bibliotecas que usan o protocolo INDI.

Tamén se inclúen os novos paquetes afiliados a Astropy python3-extinction, python3-sncosmo, python3-specreduce, e python3-synphot, xunto cos paquetes creados sobre python3-yt e python3-sunpy. Mellorouse a compatibilidade de Python co formato ASDF, e estendeuse a compatibilidade cos formatos ECSV e TFCAT ao incluír bibliotecas no ecosistema Java, principalmente para usarse con topcat.

Vexa a páxina da Mestura Astro para unha lista máis completa e para obter máis información.

2.3.5. Arranque Seguro en ARM64

bookworm engadiu compatibilidade co Arranque Seguro de ARM64. Os usuarios que teñan placas de ARM64 con UEFI poderán activar o Arranque Seguro e aproveitar as vantaxes en seguridade que ofrece. Asegúrese de que os paquetes grub-efi-arm64-signed e shim-signed están instalados, active o Arranque Seguro e reinicie para usar o sistema co Arranque Seguro activado.

A Wiki ten máis información sobre como usar e arranxar o Arranque Seguro.