Publicación do Debian 11 bullseye

14 de Agosto de 2021

Tras 2 anos, 1 mes e 9 días de traballo o proxecto Debian está orgulloso de presentar a nova versión estable 11 (alcumada bullseye), que terá asistencia técnica para os seguintes 5 anos grazas ao esforzo de tanto o equipo de Seguridad de Debian como do equipo de Asistencia a Longo Prazo de Debian.

Debian 11 bullseye inclúe varias aplicacións e ambientes de escritorio. Inclúense, entre outros, os seguintes ambientes:

Esta versión contén máis de 11.294 paquetes novos, en total 59.551 paquetes. Non se inclúen os máis de 9.519 paquetes que se marcaran coma obsoletos e que foron eliminados. Actualizáronse 42.821 paquetes, e 5.434 quedaron sen modificar.

bullseye é a nosa primeira versión que inclúe un núcleo Linux con compatibilidade co formato exFAT, e úsao por omisión para montar discos exFAT. Grazas a isto xa non é preciso usar a implementación exFAT do tipo sistema-de-ficheiros-en-espazo-de-usuario incluída no paquete exfat-fuse. As ferramentas para crear e comprobar os discos exFAT inclúense no paquete exfatprogs.

A maioría das impresoras modernas son capaces de imprimir sen controladores, e de escanear sen precisar os controladores do fabricante, que non soen ser libres. bullseye inclúe un novo paquete, ipp-usb, que usa o protocolo independente IPP sobre USB, compatible con moitas impresoras modernas. Isto permite se poida usar un dispositivo USB como se fora un dispositivo de rede. O sistema de fondo sen controladores oficial de SANE é sane-escl, do paquete libsane1, que usa o protocolo eSCL.

Systemd en bullseye activa por omisión o rexistro permanente, co almacenamento volátil como respaldo implícito. Isto permite que os usuarios que non usen características específicas poidan desinstalar os vellos daemons rexistradores, e pasen a usar só o rexistro de systemd.

O equipo de Debian Med está a contribuír na loita contra a COVID-19, empaquetando os programas para a investigación da secuencia do virus e para a loita contra a pandemia coas ferramentas usadas en epidemioloxía. O equipo continuará centrándose nas ferramentas usadas nos dous campos para o aprendizaxe automático. A colaboración con Control de Calidade e Integración Continua é moi importante para obter resultados reproducibles, que son a base da ciencia moderna. A Mestura Debian Med ten un conxunto de aplicacións, que precisan ter un alto rendemento, que xa se poden beneficiar de SIMD a Esgalla. Para instalar os paquetes que mantén o equipo Debian Med instale os metapaquetes chamados med-*, que están na versión 3.6.x.

A partir de agora moitos idiomas, como o chinés, o xaponés ou o coreano; terán un novo método de entrada de Fcitx 5, que é o sucesor do famoso Fcitx4 en buster. Esta nova versión ten maior compatibilidade cos engadidos de Wayland (o xestor de pantallas por omisión).

Debian 11 bullseye actualizou moitos paquetes e programas (máis de o 72% dos paquetes da versión anterior), por exemplo:

Esta grande selección de paquetes, e a tradicional extensa compatibilidade con moitas arquitecturas, amosa como Debian se mantén fiel ao obxectivo de ser O Sistema Operativo Universal. Debian é axeitado para usarse de moitas formas: xa for coma sistema de escritorio, para portátiles, para servidores de desenvolvemento, para sistemas múltiples; ou para servidores de almacenamento, web ou bases de datos. Tamén os controis de calidade, coma a instalación automática e as probas ao actualizar, realizados a todos os paquetes do arquivo de Debian asegurase de que bullseye cumpre as grandes expectativas que os usuarios poñen nas versións estables de Debian.

Debian é compatible con nove arquitecturas: PC de 64 bits / Intel EM64T / x86-64 (amd64), PC de 64 bits / Intel IA-32 (i386), Motorola de 64 bits con extremidade menor/IBM PowerPC (ppc64el), IBM S/390 de 64 bits (s390x), para ARM, armel e armhf para sistemas de 32 bits novos e vellos, xunto con arm64 para a arquitectura de 64 bits AArch64, e para MIPS, arquitecturas mipsel (extremidade menor) para os sistemas de 32 bits e mips64el para os sistemas de 64 bits con extremidade menor.

Quere probalo?

Se só quere probar Debian 11 bullseye sen instalalo pode usar calquera das imaxes en vivo («live»), que cargan e inician o sistema operativo, en modo de só lectura, na memoria do ordenador.

Hai imaxes en vivo para as arquitecturas amd64 e i386, e hai versións para DVD, unidades USB e arranque dende a rede. O usuario pode escoller entre os distintos ambientes de escritorio: GNOME, KDE Plasma, LXDE, LXQt, MATE e Xfce. Debian Live bullseye ten unha imaxe en vivo normalizada, polo que é posible probar un sistema Debian básico, sen ningunha interface gráfica.

Se lle agrada o sistema operativo ten a opción de instalalo dende a imaxe cara o disco duro do ordenador. A imaxe inclúe tanto o instalador independente Calamares coma o Instalador propio de Debian. Pode atopar máis información nas notas da versión e na sección instalar imaxes en vivo, no sitio web de Debian.

Se quere instalar Debian 11 bullseye directamente no disco duro do seu ordenador pode escoller entre unha grande variedade de métodos de instalación, como Blu-ray, DVD, CD, unidades USB ou a través dunha conexión de rede. Mediante esas imaxes pódense instalar unha variedade de aplicacións e ambientes de escritorio — Cinnamon, GNOME, KDE Plasma Desktop, LXDE, LXQt, MATE e Xfce —. Ademais tamén hai discos CD poliarquitectura, que permiten instalar a un conxunto de arquitecturas a partir do mesmo disco. Ou sempre queda a opción de crear unha unidade USB iniciable (consulte a Guia de Instalación para máis detalles).

Realizamos moitas modificacións no Instalador de Debian, o que resultou nunha mellor compatibilidade co «hardware», e outras características.

Nalgúns casos unha instalación exitosa pode ter problemas coa pantalla, ao reiniciar no sistema instalado. Para estes casos hai algúns arranxos dispoñibles que poden permitir iniciar sesión de calquera forma. Tamén hai un método usando o isenkram que permite que os usuarios detecten e instalen o microcódigo necesario nos seus sistemas, de maneira automática. Por suposto, débense contrastar os pros e contras de usar esta ferramenta, pois é probable que teña que instalar paquetes non libres.

Ademais disto, a imaxe non libre do instalador que inclúe paquetes co microcódigo foi mellorada para que poida anticipar o microcódigo necesario no sistema instalado (por exemplo, para as tarxetas gráficas de AMD ou Nvidia; ou para os sistemas de audio de Intel de última xeración).

Para os usuarios da nube Debian ofrece soporte técnico directo para moitas das plataformas da nube máis importantes. As imaxes oficiais de Debian son fáciles de obter dende o mercado de cada imaxe. Debian tamén publica imaxes OpenStack precompiladas para as arquitecturas amd64 e arm64, xa listas para descargar e usar en nubes locais.

Debian está dispoñible en 76 idiomas, a maioría deles dispoñibles tanto nas interfaces de texto como nas interfaces gráficas.

As imaxes de instalación pódense descargar dende bittorrent (forma recomendada), jigdo, ou HTTP; véxase Debian en CD para máis información. bullseye estará dispoñible en discos DVD, CD-ROM e Blu-Ray físicos dentro de pouco; tamén se poderán obter mediante moitos vendedores.

Actualizar Debian

As actualizacións a Debian 11 dende a versión anterior, Debian 10 (alcumada buster), son xestionadas automaticamente na maioría de configuracións pola ferramenta de xestión de paquetes APT.

En bullseye a suite de seguridade chámase bullseye-security, e os usuarios deberían adaptar os seus ficheiros coas fontes de APT, segundo for necesario ao actualizar. Se configurou APT para conxelar paquetes ou usar APT::Default-Release é probable que teña que mudar cousas. Consulte a sección Cambios na estrutura do arquivo de seguridade das notas da versión para máis información.

Se está a actualizar de forma remota teña en mente a sección Imposible conectarse mediante SSH durante a actualización.

Coma sempre os sistemas Debian deberían actualizarse sen problemas, no sitio, sen ningún momento de pausa; pero recomendamos ler as notas da versión para informarse dos posibles problemas, e por as instrucións detalladas sobre como instalar e actualizar. Segundo pasen as semanas as notas da versión seguirán mellorándose e traducíndose a outros idiomas.

Sobre Debian

Debian é un sistema operativo libre, desenvolto por milleiros de voluntarios de todo o mundo, que colaboran mediante o Internet. Os fundamento do proxecto Debian son os seus colaboradores, a dedicación ao Contrato Social de Debian e o Software Libre; e o seu compromiso a manter o mellor sistema operativo posible. Esta nova versión é outro importante paso nesa dirección.

Información de Contacto

Para máis información visite as páxinas web de Debian en https://www.debian.org/ ou envíe un correo electrónico a <press@debian.org>.